19 Maratón Fotográfico do campus
9 de outubro
No marco de actuación do Convenio LUGO CULTURAL, no que participan a Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Lugo e a Deputación de Lugo coa colaboración do Grupo Cinematográfico FONMIÑÁ, convócase o XIX Maratón Fotográfico do Campus conforme as seguintes BASES:
1. Poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos que o desexen.
2. Prazo de inscricións dende o 19 de setembro ata as 14:00 h do día 2 de outubro de 2013.
3. A data de celebración será o 9 de outubro. Os participantes presentaranse o dito día ás 10:00 h na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, onde se procederá á: lectura dos temas, entrega de carretes ou CD (segundo modalidade) e ficha para que poidan presentar co título das fotografías e frases para incluír no catálogo, segundo se indica no punto 5.3. Ademais farase unha fotografía con todos os participantes co obxecto de incluíla no catálogo que se edite.
4. Cada participante poderá presentarse só nunha das dúas modalidades: dixital ou analóxica. Independentemente da modalidade, participarase obrigatoriamente en tres temas dos que 2 serán propostos pola organización e o terceiro será libre, debendo entregar 1 única fotografía por cada tema.
As fotografías poderán ser realizadas en branco e negro ou en cor.
5. Entrega e selección das fotografías que se presentarán ao certame:
5.1 MODALIDADE ANALÓXICA:
5.1.1 O 10 de outubro ata as 14:00 h: Entrega de carrete.
5.1.2 O 17 de outubro en horario de 10:00 a 13:00 h: Os participantes deberán elixir as fotografías que queren presentar ao certame, a través da folla de contacto que lles facilitará a organización.
5.2 MODALIDADE DIXITAL:
5.2.1 O 10 de outubro ata as 14:00 h: Entrega do CD.
5.2.2 No CD gravaranse as fotos en .jpg, con un máximo de 3.543X2.362 pixeles a 200 ppp.
Cada fotografía arquivarase co nome do tema ao que corresponde.
5.3 EN ÁMBOLOS DOUS CASOS:
O autor PODERÁ cubrir a ficha facilitada pola organización, cos títulos que decida darlle a cada fotografía e/ou, no seu caso, a frase correspondente para incluír no catálogo (20 palabras máximo, en galego).
6. As fotografías presentadas polos participantes, serán reveladas pola organización para a súa posterior valoración polo xurado.
7. PREMIOS*:
• Premio á mellor fotografía de cada tema, dotado cada un con: 250 euros e trofeo por tema.
• Premio Carlos Valcárcel, á mellor colección presentada, dotado con: 400 euros e trofeo.
8. A organización resérvase o dereito de facer a selección das fotografías que considere, co fin de expoñelas ao público no lugar e datas que se decida e, se é o caso, de editar en catálogo.
9. O lugar e data do fallo e da entrega de premios, será comunicado oportunamente.
10. O xurado encargado de fallar os premios será nomeado polos organizadores.
11. As fotografías premiadas quedarán en posesión da Universidade de Santiago de Compostela que poderá facer uso delas paro os fins que estime oportunos, sempre facendo referencia a autoría das mesmas.
Calquera incidencia non prevista nestas bases, será resolta pola organización. O feito de participar neste Maratón Fotográfico supón a total aceptación das presentes bases.
*Os premios en metálico estarán sometidos ás retencións fiscais legalmente establecidas.
Inscricións e información:
Área de Cultura. Campus de Lugo
Pazo de Montenegro
Praciña da Universidade s/n
27001 – Lugo
Tfno.: 982 821 513