Tras varios anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de países como Brasil, Mozambique, Reino Unido, Portugal, Cabo Verde ou Guinea Bissau, Fran Pérez [NARF] foi construíndo un repertorio que, partindo do galego, foise ampliando grazas ao intercambio con outros creadores deses países, xerando un pequeno ámbito de convivencia entre linguas que nalgúns casos comparten a mesma orixe, e noutros a mesma paixón pola palabra cantada.
Poemas e letras, que van dende os grandes poetas, coma o noso Castelao, ou o mozambicano José Craveirinha, pasando polo portugués Luis de Camões, ata outros autores contemporáneos como Xelís de Toro (Galiza), Johnny Lays (UK), ou Sonia Sountuane (Mozambique) conforman o repertorio; ademais doutras pezas escritas polo propio Narf en colaboración con artistas como Manecas Costa (Guinea Bissau) .
Neste concerto, de formato intimista, escoitaremos por tanto cantar en galego, en portugués, en linguas de orixe bantú como o shangana ou o machopi, e tamén en inglés escrito nalgún caso por galegos. Todas e cada unha das cancións que compoñen este repertorio teñen unha historia detrás relacionada coa viaxe, co encontro e coa “Lingua Viaxeira”, incansable e curiosa. E todas, tamén, responden á forte identidade dun artista aventureiro pero cun estilo propio xa consolidado e moi persoal.
Fran Pérez [NARF] participou en importantes festivais internacionais, como o Mercado Cultural de Salvador da Bahía (Brasil), varias edicións do Festival D´Agosto en Maputo (Mozambique), WOMEX, London City Festival ( UK), BAFIM (Bos Aires, Arxentina), Festival de Mindelo (Cabo Verde) ou Cantos na Maré en Pontevedra. Tamén presentou os seus concertos noutras cidades como São Paulo, Niteroi, Brighton, Varsovia, Newcastle, Barcelona, Lisboa, Ostersund, Katmandú ou Nova Delhi. Recentemente o disco Aló Irmao!, un traballo conxunto co guineano Manecas Costa, acadou o nº 1 das listas da emisora RDP ÁFRICA, que emite para todos os países da lusofonía.