En directo, Rodrigo Romaní presenta un concerto dedicado ao son da arpa céltica é á súa utilización dentro do folk contemporáneo creado a partir da música tradicional. Temas de composición propia e adaptacións de temas tradicionais e mesmo da música culta compoñen un variado repertorio que engancha pola súa sonoridade e orixinalidade. Primeiramente concibido para dúas arpas, voces, contrabaixo e percusión en formato de cuarteto, presenta outros instrumentos como ocarinas ou guimbardas e elementos de ambientación electrónica, facendo que o público descubra un xeito diferente de aproximarse á faciana musical dunha cultura ibérica de fonda personalidade milenaria.
Rodrigo Romaní é un músico ben coñecido do publico galego e español, nomeadamente dos máis afeccionados ás músicas de raíz, a través do seu traballo como membro fundador de Milladoiro, con quen percorreu o mundo durante máis de vinte anos, promovendo o uso da arpa céltica na música galega, e colaborando con artistas e orquestras de primeira fila internacional.
Nomes como Bill Whelan (Riverdance), Liam O'Flynn ou orquestras como a English Chamber, a RTE Orquestra ou a Sinfónica de Galicia, teñen solicitado a colaboración de Rodrigo Romaní como solista de arpa céltica para diferentes traballos.
Rodrigo Romaní é ademais produtor das primeiras obras de artistas como Susana Seivane ou Treixadura, compositor premiado con un Goya, un María Casares e outros galardóns, educador fundador da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo onde imparte os cursos superiores de arpa, director da primeira orquestra folk de España, Sondeseu, e divulgador das musicas do mundo a través dos programas da Radio Galega Música.
Gravou unha ducia de discos con Milladoiro, e participou noutras formacións como Lizgairo, obtendo diferentes premios e distincións polas súas gravacións en todo o mundo.
Como solista ten realizado tres traballos discográficos: Albeida (2001), Cantos Caucanos (2003) e As Arpas de Breogán (2012).