Cargando...
Logotipo Lugo Cultural

12 de maio

12 de maio.Casa do Saber 20.30 horas

 

Escoita de obras electroacústicas

Amor No Viu (2010)-Stefano Scarani e Julia Chiner –

Stefano Scarani / música / imaxes  - Julia Chiner / voz / imaxes - 2010 (10:00) – cuadrifónico

Amor no viu inspírase nun fragmento do poema Cant espiritual de Ausiàs March. O material vocal, extraído do texto orixinal, foi transformado ata o punto de perder o seu significado lingüístico, transportando ó espectador nun itinerario sonoro que partindo da comprensión sintáctica nos conduce ata o puro timbre, facendo uso para elo da capacidade involuntaria do cerebro humano de reconstruír constantemente a identidade dos elementos recoñecibles, deconstruídos e desidentificados polo camiño. Amor no viu foi realizado creando simultaneamente as partes visual e a musical, xerando un produto no que os dous elementos son indisolubles, un resultado homoxéneo onde cada parte complementa a outra, conseguindo unha obra substancialmente equilibrada.

Morfologías Inestables (2011) -Julia Chiner

Julia Chiner / música / imaxes - Katia Perone / performer - Valencia 2011 (6:18) – stereo

Morfologías Inestables é a representación do espazo existencial a través da configuración do conflito en calidade de sustancia dos procesos vitais. Os xestos, os movementos dunha forza que empuxa hacha os límites, proxectan a determinación do impulso vital que, a través de continuas elaboracións e deconstrucións transita desde a xeración elemental hacha unha antropofaxia autorreferencial.

Gravitas (2007) -Stefano Scarani e Julia Chiner

Julia Chiner / texto / música / imaxes - Stefano Scarani / música / imaxes - Federico Bertozzi (narrador), Micaela Brignone (estatua), Siro Scarani (coro), Stefano Scarani (cymbalon e electrónica), Julia Chiner (violoncello / cymbalon), Alberto Morelli (frautas) -  Valencia 2007 (8:47) – stereo

Estatuas, encarnación petrificada da inmutabilidade, perfecta abstracción do Home, incorruptibles polo tempo, inmortais, préganse á forza da Natureza, devindo mortais, corrompéndose ata a disgregación.

Alseides (2009) - Stefano Scarani.

Stefano Scarani / música / imaxes - Julia Chiner / voz / performance - Tangatamanu / produción - Milán 2009- (7:00) – cuadrifónico

Esta obra inspírase nas Alseides, ninfas dos bosques. Toda a composición foi realizada con sons de voz, elaborada tanto de forma natural como electrónicamente. Cada fragmento foi seleccionado, transformado e posto na montaxe espacializando o son, en cuadrafonía.. O uso da voz como único elemento sonoro, forma parte da investigación de Stefano Scarani na que varias composicións e instalacións sonoras foron realizadas nos últimos dez anos; como Cigalula, Disphase, Oquedades.


 

CONCERTO

ELO. Música e poesía

ELO é un cruce de camiños, unha intersección entre os textos interpretados de Rosalía Fernández Rial e o sabio teclado de Serxio Moreira. Nunha estrada secundaria, perdida, fóra das cadeas que impiden esvarar, alén do asfalto establecido e os vehículos con dirección fixa e destino predeterminado. Eles, os de Elo, son dos que viaxan sen rumbo, intentando responder aos sinais do percorrido. Escribo en terceira persoa porque Ela, a ela de Elo, é un personaxe, como todo “eu lírico”, ao igual que El, o el de Elo, que a acompaña cunha banda sonora digna dun filme de ficción, dos de 8 milímetros, especialmente apto para distancias curtas. Como as que nos separan de ti, lectora, ouvinte, compañeiro de traxectos poéticos. A cartografía pola que se move o último traballo discográfico de ELO procede das paisaxes que conteñen os dous últimos libros de Rosalía: Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir, publicados por Edicións Positivas. Tecendo mapas Di-versos: o primeiro, de carácter urbano, cosido por rúas ateigadas de indixentes sen guión nin teito baixo o que agocharse, mais cunha absoluta liberdade de existencia e o segundo, interurbano, pespuntado con fíos eróticos, acelerados, que deixan como ronsel unha road-movie de desexo asfaltado. Mais o que El e Ela verdadeiramente anhelan é que ti –lector, ouvinte, compañeira de viaxe– te cruces con nós e te volvas outro ELO solto, alén das direccións marcadas. Queremos desencadear contigo un accidente de emocións, unha colisión de pensamentos compartidos, unha forma alternativa de amar. Querémoste. E gustaríanos dicircho a través do transistor, mentres conduces, cando te duchas, ao tempo que te declaras a outra persoa, xusto no medio das palabras coas que te confesas. No cruzamento mesmo dos vosos camiños, na intersección de texto e música, no centro das estradas secundarias. Querémosvos. E vós?

Rosalía Fernández Rial


Stefano Scarani e Julia Chiner : Músicos, videomakers e creadores de instalacións e ambientes interactivos audiovisuais. Ademais da súa produción artística persoal, colaboran a nivel internacional en calidade de compositores, intérpretes e sound designer con outros autores e colectivos artísticos como Peter Greenaway, Robert Wilson, Studio Azzurro, AGON, Luca Francesconi, Nigel Kennedy, Change Performing Arts.

Compaxinan a actividade artística coa ensinanza: Stefano Scarani é profesor de Composición electroacústica e audiovisual no Centro Superior de Música Musikene en Donostia-San Sebastian e de Sound design na Universidade Politécnica de Milán, e colabora co MEVIC e o Master en Música da Universidade Politécnica de Valencia, entre outros. Julia Chiner é titular de Violoncello no Conservatorio Profesional de Albacete. Na súa actividade en conxunto destacan a “Cuadrilogía de videomúsica”: Oquedades, Disphase, Gravitas e Return to the Earth, reunida baixo o título Obertures do cos, expostas pola Universidade de Valencia na Nau e editadas en catálogo e DVD, a escultura interactiva Casfandra, as composicións da exposición Tutti a tavola, e as obras de videomúsica e concertos audiovisuais Nigredo, Sebastian, Perg, Crisalidi, Amor no viu. Desde o 2011 organizan Synchresis, selección internacional de Videomúsica que se presenta cada ano no Festival Internacional de Música Electroacústica Punto de Encuentro organizado por AMEE.


ELO é a unión poético-musical entre a escritora Rosalía Fernández Rial e o músico Serxio Moreira. Ambos veñen traballando xuntos en diversas montaxes nas que levan á escena a poesía de Rosalía musicada por Serxio. Neste 2015 acabaron de gravar os seus dous últimos traballos: "Vinte en escena" e "Ningún amante sabe conducir", títulos que coinciden cos dos últimos libros da autora publicados por Edicións Positivas . Nesta dimensión sonora a autora- actriz aposta por unha lectura interpretada dos seus versos, mentres que a música se move en terreos do contemporaneo e o experimental. O proxecto ELO naceu na escena e pretende regresar ao seu ámbito de orixe cunha visión reformulada tras a publicación do CD. Aínda que os principios fundamentais da súa concepción artística interdisciplinar, contemporánea e minimalista se manteñen, a experimentación do diálogo literario, escénico e musical deriva nunha proposta máis fluída, experimental e con novas vías de comunicación dentro dun formato sinxelo, fresco e espontáneo.

ELO
Stefano Scarani e Julia Chiner
 

< ATRÁS

USC  Concello de LugoDeputación de Lugo Vicepresidencia Primeira