GRUPO DE TEATRO KriLaJo. Compañía independente da USC-LUGO
Actrices:
Kristel Rodríguez Egido
Laura Real Otero
Director: José María Tubío Sánchez
ESTÁS AÍ? Creación colectiva
O paso do tempo. As lágrimas caen como folerpas de neve, lentamente, para seguilas despois o continuo intento de espertar a pesar da noite e da soa compañía dunha candea. Carla chega do Cairo porque Ana invitouna a unha solitaria celebración verde da estrea dunha obra. Soan sen cesar grilos en inverno alugados a un chinés. A enigmática Carla axiña deixa entrever que sabe máis do que conta sobre as razóns que tivo Ana para invitala á celebración da estrea. Nun almorzo con torradas de xadrez prodúcese o primeiro xaque mate. Pero, quen move as pezas? É Ana unha simple marioneta de Carla, ou é Carla a portadora dos fieitos de luz que Ana busca?
Dúas actrices, coa axuda dunha candea e unha saba tecen, como dúas laboriosas arañas, unha historia sobre a amizade e o amor, sobre os celos e a envexa, sobre o desexo de liberdade e a angustia da prisión para, ao final, deixar un escenario baleiro onde os corpos sen vida se arremuíñan nas esquinas, e onde o recordo acaba fundindo os seus remos vencidos nas plúmbeas augas do reloxo.
Grupo de teatro KriLaJo: nacemento e obxectivos
Krilajo é un grupo de teatro universitario do campus de Lugo que se formou hai xa un ano. Conta con tres membros, aínda que a maior parte da súa andadura estivo só formado por dous, desde hai xa catro meses Laura incorporouse ó grupo. Para as súas montaxes, comparte o salón de actos da residencia Bal y Gay co grupo TIK teatro.
Pódese dicir que KriLaJo nace como instrumento para tratar de responder a varias preguntas: cales son os mecanismos conceptuais e expresivos que pode desenvolver un grupo de teatro universitario para elaborar unha historia que atraia a atención da comunidade universitaria que xa non está afeita á expresión teatral? É posible un teatro de mínimos que comunique o máximo? Cales son as condicións para esta comunicación?
Esta inquedanza representa o marco no que o grupo desenvolve o seu traballo. A creación trátase de que sexa colectiva, reducindo ó máximo tódolos elementos escénicos, e buscando a mestura dun teatro máis clásico centrado na voz con outro máis experimental centrado no corpo, para tratar de entender qué elementos son os máis efectivos na expresión teatral e ó mesmo tempo son os máis eficientes. Desde o inicio o grupo vén representando cada dous meses no salón de actos da residencia Bal y Gay as súas pezas, que non soen durar máis de 15 minutos, co obxectivo de ir creando unha historia e contándoa por capítulos. Ó final de cada representación mantense un diálogo co público onde se trata de entender como percibe este a obra e a través de que mecanismos teatrais está conectando con ela. Con esta experiencia acumulada, de reflexión entre os membros do grupo e de interacción co público, nace a obra Estás aí? onde se reflexiona, non soamente sobre mecanismos de transmisión, senón tamén sobre conceptos teatrais como traxedia/comedia, tempo real/tempo imaxinario, heroe/antiheroe, co ánimo de buscar unha forma expresiva que, aínda con tódolos seus defectos, teña a inquietude de ir máis alá destas dualidades, e así poder tocar a pel do espectador.
Membros:
Kristel Rodríguez Egido é estudante do Máster en Profesorado de Educación Secundaria. É de Salamanca e leva en Lugo dous anos. Aínda que é enxeñeira topógrafa, cada vez está máis interesada na educación, á que espera dedicarse no futuro.
Laura Real Otero é unha estudante de Humanidades natural de Redondela, que cursa o seu terceiro ano en Lugo, e que tamén forma parte do grupo de teatro Tik da residencia Bal y Gay.
José María Tubío Sánchez é un membro do grupo de investigación Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, que se dedica principalmente á investigación no ámbito da xestión territorial.