18 DE XUÑO DE 2015
CASA DO SABER ás 20.30 horas
CLAVE DE FADO
en concerto
CLAVE DE FADO, fundado por Iria Estévez, Gonzo Piña e Pepe Piña, naceu a finais do 2009 como grupo de versións. O proxecto, deseñado pola súa vocalista, Iria Estévez, estaba orientado orixinalmente, á creación de versións de grandes temas da música galega e portuguesa partindo do fado, aportando unha visión nova sobre a música portuguesa por excelencia, o fado.
O proxecto foi medrando, incluíndo outros estilos musicais, ampliando repertorio e conseguindo así un bo diálogo entre diferentes estilos, todos de moi diversa orixe, pero coa lusofonía como motor principal.
Con estes obxectivos claros e unha sonoridade moi particular, Clave de fado consegue concerto, tras concerto, atrae-la atención do público, un público cada vez máis numeroso. Acadando un éxito tras outro nas súas presentacións, Clave de Fado comeza a compoñer temas propios, dándose a coñecer no mundo da cultura galega. Pasan os anos e o grupo, animado pola gran resposta que está a ter a tódolos niveis, decide dar un paso máis e a principios do 2014 únese ao a eles un novo membro, Paco Dicenta, un recoñecido músico multidisciplinar, que aportará a Clave de fado a sabedoría dun músico consagrado e cun gusto exquisito. Coa formación ben consolidada, catro anos de andadura e moitísimas ganas de medrar, Clave de fado proponse e consegue un reto importante : gravar o seu primeiro disco, un disco completo, composto de versións de grandes temas da música galega e portuguesa e temas propios ( fados galegos, bossas fadeiras, cantiga galega afadistada...) ,para o que contaron ademais coa participación de Uxía Senlle, Isaac Garabatos, Sapoconcho, David Outumuro e Dani López. Trala gravación do disco, un dos co-fundadores, Pepe Piña, decide deixa-la formación para dedicarse ao seu proxecto persoal, e pasa a formar parte do grupo o recoñecido compositor e guitarrista Isaac Garabatos, que co seu estilo virtuoso e moi actual, contribúe a lograr o obxectivo do grupo: conseguir un son propio, único.
Clave de fado actualmente está a recibir moi boas críticas, referidas tanto aos seus directos como ao seu disco, “Xanelas”.
Iria Estévez é a vocalista e alma de Clave de Fado. Iria atrévese con bossa-nova, fado, cantiga galega,e moi diversos estilos musicais, que co seu timbre único e delicado, unha voz con carácter e personalidade,e unha execución chea de expresividade e matices acertados, sen dúbida, namora ós que a escoitan.
Paco Dicenta ao contrabaixo, un músico completo que conta con máis de 20 anos de experiencia sobre os escenarios como baixista, contrabaixista e percusionista, traballando con bandas e artistas como Lara Bello, Abe Rábade, Paulo Silva, Berrogüetto, The Crass, Last Minute Experience, Black Night Gospel Choir, Gnomon, Mercedes Peón, X:M Budiño, The Barlanders, Two In The Mirror, Mónica de Nut Trio, Alamanouche, Miñor Swing, etc. Compositor de bandas sonoras para curtos e documentais, é tamén produtor de dous discos de Zé Amil e Samuel Levi e do primeiro de Mónica de Nut Trio.
Gonzo Piña á guitarra española ( baixista e guitarrista,músico versátil membro de varios grupos en Galicia ou Barcelona como D'club,Dask,Sonidonia,etc, e compositor para varias obras teatrais para a compañía de SR. Serrano).
Isaac Garabatos, coa viola caipira. Con formación no "Ateneo Jazz" (Madrid), onde se diplomou en harmonía contemporánea e música moderna, no "G.I. London" (Londres) e en L´Aula (Barcelona) é un dos músicos e compositores máis versátiles do panorama musical galego. Realizou traballos de composición para diferentes obras de danza contemporánea, teatro, curtametraxes e grupos de Jazz,Fusion, Latin-Jazz, Funk, Folk, Pop, Rock e dance, sendo produtor é musico dos proxectos ISGA Collective, Luavai e Xardín desordenado, entre outros.
Formación:
Iria Estévez: voz
Paco Dicenta: contrabaixo
Isaac Garabatos: viola caipira
Gonzo Piña: guitarra española
Enlace Itunes : http://itunes.apple.com/album/id897572887
Página web: http://clavedefado.wix.com/clavedefado
Facebook: https://www.facebook.com/enclavedefado