4 DE XUÑO 2015
CASA DO SABER ás 20:30 horas
Puntada sen fío
presentan A lúa prendeu a luz, o seu primeiro traballo
PUNTADA SEN FÍO é un grupo formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo, gaita e frautas). Nace tras o paso dos seus compoñentes por diferentes formacións musicais, como o grupo de percusión Odaiko, Fía na Roca, Os d’Abaixo ou O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía. Amigos e compañeiros dentro e fóra dos escenarios, deciden montar un espectáculo en pequeno formato que lles permita chegar facilmente ó público, baseando o seu repertorio na música tradicional, no folclore e nos nosos máis importantes poetas e poetisas, aportando unha visión e unha sonoridade orixinal, creada en gran medida polos instrumentos que empregan sobre o escenario.
Agora están traballando para sacar á rúa o seu primeiro álbum, A lúa prendeu a luz. O resultado, que se verá materializado neste traballo, son nove temas moi diferentes entre eles, pero cun nexo común: o pasado. Todos eles falan dun ou doutro xeito de cousas que aconteceron hai anos ou de como afrontar o paso do tempo.
Son cantigas baseadas na nosa música tradicional, pero tamén de autor ou mesmo algunha de fóra de Galicia traducida á nosa lingua. Todas elas tratadas cunha sonoridade totalmente diferente á habitual, grazas en grande parte aos instrumentos que utilizan pero, tamén, á man dos grandes músicos Pedro Lamas e Roberto Somoza, que se encargaron dos arranxos.
Juan Collazo nace o 27 de Agosto de 1981, en Merza. Percusionista de dilatada experiencia, comeza tocando na Banda de Música de Merza, remata os estudos no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, pasando polo Real Conservatorio de la Haya, de Holanda. Cunha traxectoria profesional ligada á percusión étnica de raíz, colaborou en festivais como Steve Reich Festival (Holanda), Convención Internacional de Percusión de Taipei, Nancy Zeltsman Festival (EEUU), así como en diferentes proxectos de contemporáneo, en bandas de música, sinfónicas etc. Na actualidade imparte clases no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, actividade que compaxina coa dirección do Curso de percusión “MerzaPercusión”, e formando parte de Odaiko Percussion Group (grupo do que foi cofundador en 2003) e Rastrexos Project entre outros.
Xiana Lastra nace nas Pontes o 12 de novembro de 1983. Comeza a cantar de moi nena no grupo de música infantil “Ledicia”, ó que pertencerá ata os vinte anos. Fixo estudos de piano no Conservatorio de Ferrol e asistiu a clases de canto coa mezzosoprano María Xosé Ladra. Actualmente é vocalista do grupo de percusión Odaiko, ademais de directora e cantante nos proxectos “O meu primeiro Celso Emilio” e “A miña primeira Rosalía”, editados por Xerais nos anos 2012 e 2013. Nos últimos anos, impartiu obradoiros de técnica vocal e prestou a súa voz en varios documentais. É licenciada en Xornalismo e en Comunicación audiovisual e socia da produtora audiovisual Seispés Producións Creativas desde o ano 2012.
Roberto Rama nace o 2 de xuño de 1983, en Calo- Teo. Dende moi novo comeza a súa relación coas bandas, primeiro na Banda de Música da Sociedade Recreativa de San Xoán de Calo como saxofonista e despois na banda de Gaitas “Estivada”, desa mesma Sociedade Recreativa, como gaiteiro, da que tamén foi director entre maio e setembro do 2012. Participa noutras formacións como Os Enxebres de Cacheiras ou Pradairo, no que ademais de instrumentista, tamén é arranxista e compositor. A súa carreira defínese definitivamente coa súa entrada no coñecido grupo Fía na Roca, tocando a gaita, o saxo soprano e os whistles, viaxando por todo o mundo. Son moitos os festivais internacionais nos que participa, como por exemplo o Festival Intercéltico de Lorient ou o Celtic Connections, entroutros. Na actualidade é compoñente do grupo de música medieval Acibreira como gaiteiro e percusionista e gaiteiro e saxofonista na formación Os d’Abaixo, que acaba de sacar o seu primeiro disco gravado en directo este verán en Lorient.
Formación:
Xiana Lastra, voz
Juan Collazo, percusión
Roberto Rama, saxo e gaita
https://www.youtube.com/watch?v=4c8APsGcRaM
https://www.facebook.com/puntadasenfio
http://www.verkami.com/locale/gl/projects/11144-primeiro-disco-de-puntada-sen-fio