Lugo - Universidade de Santiago de Compostela Do 24 ao 30 de marzo de 2009 - Auditorio Gustavo FreireEntrada gratuíta previo paso polo despacho de billetes. Apertura do despacho de billetes: Media hora antes do comezo da función. Saída de autobuses dende o campus ás 20:15 dende a Escola Universitaria de Formación de Profesorado e as 20:30 no pavillón central da Facultade de Veterinaria.
Día 24 de marzo COMPAÑÍA DE TEATRO USC-LUGO SUSIE de Carol López Díaz Premio María Teresa León, 1998
Lingua: galego Duración: 80 minutos Sinopse: A calquera de nós en calquera momento, de xeito inesperado e absolutamente imprevisible, un pequeno suceso pode mudarnos a existencia, e tornarse vía crucis o que non era senón felicidade, ou cando menos, “normalidade”... (Ou iso era o que aparentaba ser). A Susie, de súpeto, mudáronlle as cores da súa vida ... Quizais conveña estar preparados. O dramaturgo e guionista norteamericano David Mamet escribiu hai anos un magnífico drama contemporáneo: “Edmond”. A autora catalá Carol López dálle unha notable réplica coa creación de “SUSIE”, a esposa de EDMOND, amosándonos unha outra cara da moeda. Día 25 de marzo MOCT TEATP UNIVERSIDADE DO ESTADO DE MOSCOVA (RUSIA) UN XEÑO CORRENTE (musical) de Vadim Shefner
Lingua: ruso Duración: 80 minutos Sinopse: Anos 30, Leningrado. A vida dun rapaz normal é unha divertida cadea de circunstancias que, a primeira vista, fanno desgraciado pero, de feito, lévanno a encontros felices e momentos decisivos. O seu mundo está cheo do máxico poder do primeiro amor e da amizade sincera, con bailes, cancións e verdadeira felicidade. Pero é só ao final cando un feito inesperado como un destello de luz nos mostra a historia dende un punto de vista totalmente distinto.
A peza fala dun escritor que conta a súa vida. Vai lembrando os inesquecibles momentos da súa infancia e xuventude e as cousas que lle axudaron na súa formación como persoa e escritor. A súa vida está intimamente relacionada co Leningrado soviético, os seus habitantes, o seu mar e o lugar da cidade onde el viviu: a Illa Vasilevsky. A acción ten lugar a finais da década dos vinte e comezos dos trinta.
Todo comeza cun veciño do lado, un rapaz alcumado “Sherlock Holmes” pola súa ambición de converterse nun gran detective. El dille ao autor que un rapaz do bloque veciño foi quen de camiñar ao longo de tres ventás pola repisa do segundo andar e volver, así que alguén do bloque do autor ten que repetilo, pero facéndoo no terceiro andar para gañar aos seus rivais. Como só o autor e “Sherlock Holmes” viven no terceiro, un dos dous ten que aceptar o desafío. Os amigos deciden xogalo a ver quen saca a palla máis longa e chaman a Liza. O autor odia a rapaza porque sempre se está mofando del. Deciden que é o autor o que ten que camiñar pola repisa. Liza suxire que se poña unha máscara de entroido para ter menos medo. Todo o bloque observa como o autor intenta realizar esta xesta, pero este esvara e cae ao céspede. A tía Anya, o único familiar que o está criando, castígao e suspende a viaxe en barco que tiñan planeada. Despois de esta caída é cando o autor comeza a escribir poesía. Ao día seguinte, a nai de Liza infórmaos de que o barco no que ían ir a tía Anya e o autor naufragou e todos os pasaxeiros morreron.
A tía Anya contrata a unha titora, Nadezhda Viktorovna, para o seu sobriño. A titora compara constantemente ao desobediente autor co “perfecto” Tolik, o seu outro alumno. A tía Anya insiste en que o autor se faga amigo de Tolik. Nadezhda Viktorovna acepta de mala gana. Pero ao chegar á casa de Tolik el ve que non está alí, mentres unha multitude arma follón e fala dalgún milagre: auga tinguida de cores está saíndo polos váteres! O autor atópase cun rapaz que resulta ser o bromista que puxo pintura nos váteres, e que resulta ser tamén o “perfecto” Tolik. Os rapaces comprenden a trampa da súa titora e fanse grandes amigos. Tolik preséntalle ao autor ao tío Boba, un poeta vendedor de cigarros. O autor escribe unha obra en verso sobre as patacas na escola e os estudantes sacan unha divertida canción a partir do poema que gusta a todo o mundo, agás aos profesores.
Catro anos despois o autor gradúase como instrutor de educación física e traballa con nenos das rúas cercanas. Xoga con eles a xogos de guerra e por iso é despedido. O autor, co seu salario, cómpralle a tía Anya un floreiro. Gustaríalle coller unhas flores para a súa tía e chama a Tolik, que está aprendendo castelán. Cando van recoller as flores atópanse cuns pillabáns e fuxen deles. Nun terraplén o autor cae á auga. Alí coñece a Margarita, que o leva á súa casa para limpar e secar a roupa do rapaz. Despois saen dar un paseo pola cidade e atópanse con Liza. Margarita déixalle unha mensaxe suxerindo que vaian navegar. Na casa o autor dálle o floreiro á tía Anya. Un día fai unha viaxe en barco con Margarita e o seu irmán Kolya por mar aberto. Son sorprendidos por unha terrible treboada pero, case por milagre, os rapaces sobreviven. Son levados ao hospital, onde Liza visita ao autor. Dille que acaban de meter a “Sherlock Holmes” na cadea. Cando ela marcha o autor decátase do especial que é a rapaza e namórase dela.
Finalmente, o autor conta o que pasou despois. A guerra comezou e todos os seus amigos morreron pola Nai Patria. Pero seguen vivos, vivos na memoria do autor. Día 26 de marzo TEATRO RODANTE UNIVERSIDAD DE PUERTO RICO (RECINTO DE RÍO PIEDRAS) EL LAZARILLO Versión de José Luís Ramos Escobar
Lingua: castelán Duración: 80 minutos Sinopse: Nunha versión do dramaturgo José Luís Ramos Escobar, a montaxe de Lazarillo, dirixido por Dean Zayas, explora os caricaturescos personaxes da que é considerada a novela que lle deu título ao xénero picaresco na literatura: El Lazarillo de Tormes.
Sendo á vez vítima e pupilo, Lázaro preséntanos a súa vida coma se se tratase dunha novela de aprendizaxe ou “Bildungsroman”, na cal sobrevivir equivale a graduarse. Con cada un dos seus amos o pícaro ha pasar “hartas fatigas”, maltrato físico e, por riba de todo, fame. En máis dunha ocasión estará a piques de morrer de inanición, pero como moi ben o seu nome indica, vencerá a morte.
Se pasamos revista á lista de amos e aos vicios que os caracterizan notaremos que todos, con excepción do Escudeiro, relaciónanse dunha forma ou doutra coas institucións relixiosas da época. Este detalle provocou que a Inquisición engadise este texto na listaxe de libros prohibidos.
A montaxe do Teatro Rodante conta cos toques dun musical nos momentos en que a vida do protagonista pasa por unha transición de amo e quere traer á vida os arquetipos dunha ilusión que se gardan no máis profundo do Carromato: vestiarios, maquillaxes, escenografía e actores universitarios que procuran levar os soños do pasado e presente a novos rumbos. Día 27 de marzo ESCOLA SUPERIOR DE ARTE DRAMÁTICO DE MURCIA LA TEMPESTAD de William Shakespeare
Lingua: castelán Duración: 100 minutos Sinopse: Próspero, amante das ciencias ocultas e da maxia, foi desposeído do seu Ducado pola confabulación entre o seu irmán Antonio e o rei Alonso, e, xunto á súa filla Miranda, abandonado nunha illa poboada de espíritos, duendes e ninfas.
O Destino favorece que os seus inimigos naveguen preto, e Próspero usa a súa maxia para desencadear unha tempestade e así desenvolver o seu plan de vinganza contando coa axuda de Ariel, espírito do aire e doutros habitantes máxicos da illa.
O principal motor é restituír un destino xusto para a súa adorada Miranda, e para lograr iso favorece que o fillo do rei, Fernando, e a súa filla caigan perdidamente namorados o un do outro.
Mentres isto sucede, o rei e os seus nobles andan en círculos pola illa na procura de atopar ao fillo perdido. Antonio, usurpador do Ducado, ao ver a debilidade do rei propón a Sebastián, irmán deste, asasinalo seducíndoo con ocupar o trono.
Non só de amor, traición e maxia está chea esta función, senón que o gran Shakespeare regálanos con tres personaxes estrambóticos terriblemente cómicos: Calibán, servil monstro insular, Esteban, o despenseiro borracho cuxo maior afán é rescatar os pipos de viño da tormenta, e Trínculo, un deforme bufón, pouco listo e tamén gran bebedor.
Normalmente a duración desta función sería dunhas tres horas, pero reducímola a unha hora corenta minutos sen intermedio.
A particulariedade do tratamento escénico é a fusión de diversas disciplinas que se integran nunha interpretación realista; non obstante, o resultado final concrétase nun espectáculo extracotián que ven dado polo uso estilizado de técnicas expresivas corporais e vocais, como Commedia dell´Arte, danza, canto, etc. Día 28 de marzo AULA DE TEATRO DE L´UNIVERSITAT D´ALACANT ABUELOS (LAS CEREZAS DE LA MEMORIA) De JUANLUIS MIRA Lingua: castelán Duración: 80 minutos Sinopse: Unha mirada, desde a tenrura e a sonrisa, a ese tempo en que a vida transcorría en branco e negro. Un xogo teatral que invita a poñerse na pel dos nosos avós e, desde as cereixas desa memoria que florece nos recordos, sentir que esa mesma vida -a pesar da cor con que se mira, as guerras, o ditador que toque e tantas outras cousas- latexa sempre a golpe de emocións, máis alá do tempo. Día 29 de marzo - 17:30 h (nota: este día actuarán dúas compañías) AULA INFANTIL DE TEATRO "GEPETTO" Universidade de Vigo. Campus de Ourense RESCUITA E O REINO DOS SENTIMIDOS Aforo limitado a 50 persoas - Idade recomendada 3 anos en adiante Sinopse: No reino dos sentimidos celébrase unha reunión do consello supremo. Algo retrasa as votacións.Vermite, o encargado de marcar os tempos, explica aos seus membros que a súa neta Rescuita caeu á Terra, onde corre perigo de desintregarse en fume se non é rescatada antes da noite. Encargan esta misión a Fascot e Quispet o sabio dos sentidos e a sabia dos sentimentos, pois saben que na Terra moitas veces aos nenos non lles deixan expresar os seus sentimentos. Rescuita está afeita a facelo e poden interpretala mal. Día 29 de marzo - 21:00 h AULA DE TEATRO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA - COMPAÑÍA DE TEATRO XOGOS Á HORA DA SESTA de Roma Mahieu Tradución e adaptación de Cándido Pazó
Lingua: galego Duración: 60 minutos Sinopse: Disque co xogo, os nenos e todos os mamíferos en idade infantil, practican os roles dos adultos, as habelencias necesarias para se enfrontaren á vida que o futuro lles haberá de botar enriba.
Xogos á hora da sesta, un texto apresentado aquí nunha versión-adaptación reducida, foi escrito pola dramaturga arxentina de orixe polaca, Roma Mahieu durante a ditadura do seu país, mais a metáfora que deseña é aplicable a todo tempo e circunstancia porque, dun xeito máis patente ou latente, máis brutal ou suavizado, o xogo da vida é sempre un xogo de dominio e submisión, rebeldía e complicidade, implicación e inocencia, inhibición ou inconsciencia...
Concibido pola súa autora para ser interpretado por adultos que xogan o neno que levan dentro, este texto, que chegou a estar prohibido no seu momento, recibiu numerosos premios, sendo un dos máis representados e versionados no espazo teatral iberoamericano. Día 30 de marzo - 21:00 h AULA DE TEATRO DE OURENSE - GRUPO MARICASTAÑA UNIVERSIDADE DE VIGO. CAMPUS DE OURENSE HIDE (OCULTO) Dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de "O extraño caso do Dr. Jekyll e Mr. Hyde" de Robert Louis Stevenson Lingua: galego Sinopse: Hide é un "thriller" teatral, que como tal quere asustar, estremecer e emocionar... Nunha gran cidade un médico chamado Jekil está investigando sobre a posibilidade de crear outro eu que non carge co peso dos remorsos, procura o ideal doutra vida entregada a aquilo que a súa posición social non lle permite facer.
Unha Irmandade de persoas poderosas achéganse a Jekil cun pacto O seu colega, Lanion, non quererá saber nunca máis de jekil, quen está morto para el Unha xuíza, Uter, investiga estraños casos de mulleres "destripadas" de xeito brutal mentres recibe un estraño encargo do seu amigo Jekil Unha tola conta a historia da desaparición da súa filla Amiel e dun Príncipe, pai da criatura Un policía e un médico collen o caso das mulleres asasinadas Un Príncipe ten que casar e lavar a cara da monarquía máis poderosa do mundo...
Un lugar onde todo está oculto, todos os personaxes gardan algo, mentres un ser descoñecido asasina por causas que ignoramos. A loita polo poder, a necesidade de poder vivir e amar abertamente... HIDE (oculto)) |